Monday 29 de April de 2024

A Xunta impulsa con ‘O Teu Xacobeo’ 11 proxectos na comarca de Ferrolterra que mobilizarán máis de 146.000€


Ovidio Rodeiro informou dos actos desta convocatoria e subliñou que representa o carácter “participativo, descentralizado e sustentable” do Ano Santo
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou esta mañá en rolda de prensa o programa O Teu Xacobeo na comarca Ferrol. Na súa intervención subliñou que O Teu Xacobeo representa “o carácter participativo, descentralizado e sustentable dun Ano Santo no que a cidadanía é a protagonista, xa que son os encargados de difundir os valores do Camiño de Santiago por toda Galicia”.

O representante do goberno autonómico informou dos proxectos que terán lugar na comarca de Ferrolterra, concretamente nesta área se impulsarán 11 iniciativas de dinamización en 5 concellos (Ferrol, Narón, Valdoviño, Cabanas e Pontedeume) . Ovidio Rodeiro informou que estas actividades contan cun investimento de máis de 146.000€ por parte da Xunta. Ademais, este programa contempla outras 54 actividades itinerantes que percorrerán varios concellos de Galicia que contan cun apoio da Consellería de Cultura de máis 793.000 euros.

Na totalidade da provincia da Coruña esta cifra se incrementa ata os 1,6 millóns de euros para organizar 171 actividades desde 2019 e ata abril do 2020.

Concretamente, na área de Ferrol, os proxectos inclúen diferentes actividades centradas na promoción do Camiño de Santiago entre escolares, como os impulsados pola Federación de Ampas Concepción Arenal; ou o coordinado polo Concello de Narón, Escolas no Camiño. Tamén impulsa actividades deportivas como o Campeonato Galego de Surf, celebrado recientemente, ou o Torneo 6 Naciones Surfing 2019 e o de tenis de mesa Tenistas no Camiño celebrado en Narón.

Asimesmo, O teu Xacobeo en Ferrol apoia actividades divulgativas sobre o Camiño de Santiago como o promovido polo Concello de Cabanas, Camiño inglés, porta de América; ou o do Concello de Valdoviño destinado a dar a coñecer o vínculo entre o Camiño de Santiago e o Camiño a Santo André con exposicións, peregrinacións e conferencias no municipio. No eido cultural e artístico, a Xunta de Galicia impulsará un proxecto musical, Atmósfera Galicia. Tamén vinculado coa convivencia ao carón do Camiño, a comarca acolle a iniciativa Crossing Borders.

Ovidio Rodeiro destacou a “gran acollida” desta iniciativa, impulsada co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21. De feito, O delegado territorial lembrou que que se recibiron un total de 652 propostas de toda Galicia nas tres liñas de axuda abertas e destacou que a gran afluencia de solicitudes levou a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7.

Neste senso, subliñou que o obxectivo deste programa é que chegue ao maior número de concellos galegos, con especial atención aos máis pequenos, e que teña en conta os diferentes Camiños que abranguen máis de 1.500 quilómetros en toda Galicia.

A primeira liña de axudas está destinada a proxectos formulados por entidades locais (concellos galegos, mancomunidades, consorcios locais ou deputacións. A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.

A segunda das liñas foi dirixida a propostas de pemes e particulares da Coruña en proxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de talento emerxente ou o fomento da igualdade. Por último, a terceira das liñas permitirá que boten andar propostas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro da provincia. “Confiamos en que esta iniciativa sentará as bases dun Xacobeo que sintan como propio todos e cada un dos galegos”, apuntou Ovidio Rodeiro.

Cinco ámbitos de actuación
As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social. O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, etc.

En canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.

No ámbito deportivo realizaranse eventos de distintas disciplinas deportivas. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas e tamén disciplinas relacionadas co benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.